| A Rede de Comercio Rural Galego incorporará 18 novos establecementos no 2009 |
A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, destinará ó longo do ano 2009 máis de 1,6 millóns de euros á adhesión de 18 novos establecementos na Rede de Comercio Rural Galego. En tódolos casos son tendas situadas en núcleos de poboación que non superan os 1.500 habitantes ou en concellos de menos de 5.000 habitantes.En concreto, un total de 7 establecementos estarán situados na provincia da Coruña, 5 en Lugo, 4 en Pontevedra e dous en Ourense. Con estas novas incorporacións, a rede contará a finais de ano con 37 establecementos adheridos, co obxectivo prioritario de dotar de maiores e mellores servizos ás zonas rurais. Hoxe por hoxe, a provincia da Coruña conta con 17 establecementos, Lugo con 9, Pontevedra con 8 e Ourense con 3. Toda a información relativa ós establecementos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego dende o ano 2007 está dispoñible na páxina web coa que conta a propia rede.
O proxectos subvencionados están situados nos seguintes núcleos rurais: Burres (Arzúa), San Mamede (Carnota), San Claudio (Ortigueira), Capela (Toques), Cruces (Padrón), Carres (Cesuras), Ponte do Porto (Camariñas), Vilavella (Triacastela), Reigosa (A Pastoriza), Cota (Friol), A Veiga (Sarria), Xermar (Cospeito), Santa Xusta (Moraña), Gres (Vilar de Cruces), Medas (O Rosal), Fontenla (Ponteareas), Campo da Veiga (A Bola) e A Portela (Vilamartín de Valdeorras). Se algún destes renuncia á axuda, pasarían a entrar como proxectos subvencionados os seguintes incluídos na lista de reserva.
Garantía de calidade A Rede de Comercio Rural Galego ten como obxectivo favorecer unha correcta dotación de servizos para a poboación rural, obxectivo que se completa coa posta en marcha de actividades en común dirixidas a conseguir a súa viabilidade económica e a mellorar as súas expectativas de futuro. Así, a través do modelo definido como tendas multiservizo, adáptase a oferta de produtos e servizos ás novas formas de consumo no rural, mellorando a calidade de atención ao consumidor, apoiando a innovación e a xestión moderna e atraendo a novos clientes cara a este ámbito. A maiores, todos os establecementos forman parte da Rede coa marca Comercio Rural Galego logo de superar unha exhaustiva auditoría para garantir uns estándares mínimos e en consecuencia, a fiabilidade e a calidade. Ademais nas tendas rurais da rede tamén se ofrecen uns produtos e servizos mínimos: produtos frescos locais, de denominación de orixe, con indicación e denominación xeográfica protexida, ecolóxicos rexistrados no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), de primeira necesidade, droguería e bazar, ademais de produtos de artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En canto ós servizos mínimos ós que poderán recorrer os consumidores están o pago con tarxeta, a taberna-bar, internet e o punto información turística.
|
|
| Última actualización ( 27/07/2009 ) |

