| A Xunta de Galicia pón en marcha o Plan Impulsa Lugo para apoiar novos investimentos na provincia |
O consello de dirección do IGAPE aprobou as bases reguladoras das axudas destinadas a bonificar os gastos financeiros dos préstamos directos concedidos con fondos BEI para apoiar novos investimentos na provincia de Lugo. Estas bases súmanse ás modificacións normativas xa aprobadas en outubro para facer posible que os investimentos impulsados na provincia de Lugo conten con maior intensidade de apoio financeiro. Deste xeito, a Xunta de Galicia da un importante paso adiante en canto ao desenvolvemento do Plan Impulsa Lugo, que foi presentado polo presidente da Xunta o pasado 24 de setembro e que fai posible que os investimentos impulsados polas pequenas empresas poidan recibir subvencións de ata o 50% na provincia.
Segundo as bases para bonificar os xuros e comisións dos préstamos con fondos BEI destinados a financiar novos investimentos na provincia de Lugo, a solicitude destas axudas financeiras poderá facerse ao mesmo tempo que se solicita o correspondente préstamo; o prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 31 de decembro de 2010. No marco destas bases poderán ser obxecto de subvención os xuros e a comisión de apertura dos préstamos con fondos BEI para financiar investimentos en Lugo. A subvención de custos financeiros será pagada dunha soa vez, unha vez xustificada a aplicación do préstamo ás finalidades previstas, e irá destinada a minorar o principal do préstamo. Sen a subvención de xuros aplicable aos investimentos na provincia de Lugo, os préstamos BEI teñen uns xuros referenciados ao euríbor semestral, ao que debe sumarse un diferencial que oscila entre o 0,5 e o 2%, dependendo dos factores de risco asociados ao proxecto.
Segundo acordos adoptados anteriormente polo consello de dirección do IGAPE, as Bases reguladoras dos incentivos económicos do Instituto poderán acoller e apoiar con subvencións a fondo perdido investimentos a partir de 200.000 euros se a localización escollida está na provincia de Lugo; a nivel xeral de Galicia o mínimo investimento subvencionable ascende, en cambio, a 500.000 euros.
Por outra banda, no caso dos proxectos de primeira implantación en Galicia, en Lugo terán garantida unha subvención a fondo perdido mínima do 20%; e para creación de novos establecementos que non sexan de nova implantación pero si de ampliación, modernización ou innovación tecnolóxica, os proxectos a realizar en Lugo tamén terán un apoio mínimo do 15% dos custos subvencionables.
As modificacións normativas aprobadas polo IGAPE, ás que se suma agora a referida aos préstamos BEI, afectan igualmente ás liñas de apoio que se convocan periódicamente polo sistema de concorrencia competitiva; neste caso, o criterio localización avaliarase co valor máximo para oas proxectos a desenvolver na provincia de Lugo. Ademáis de incrementar do 30 ao 50% a porcentaxe máxima de apoio que poden recibir os investimentos realizados por pequenas empresas na provincia de Lugo, as empresas medianas tamén verán incrementado o apoio e poderán cubrir con axudas públicas ata o 40% dos investimentos que realicen na provincia. O Plan Impulsa Lugo tamén incorpora especial intensidade nos apoios da liña financeira regulada mediante o convenio do Igape co ICO, coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca; os apoios neste marco contan cunha subsidiación de 0,65 puntos con carácter xeral, subvención á que se engadirán 2 puntos porcentuais máis cando se trate de proxectos impulsados na provincia de Lugo, ata o 2,65 por cento. O que persegue o programa Impulsa-Lugo, que inclúe a elaboración dun Plan estratéxico para a provincia, é procurar un desenvolvemento harmónico, acelerando o desenvolvemento da provincia. O obxectivo final, segundo explicou o presidente da Xunta, e acadar unha Galicia de velocidade única. O Plan trata de conquerir investimentos produtivos en toda a provincia de Lugo, co obxecto de promover a creación de emprego e facer fronte á crise. |
|
| Última actualización ( 19/11/2009 ) |

