| Economía e Industria conecta ó sector empresarial a Europa na busca de innovación e competitividade |
|
O IGAPE, Xesgalicia e BIC Galicia participan tamén noutros proxectos de cooperación internacional como AT Venture, Bioemprende ou Galactea Plus.
A través do IGAPE e das súas sociedades, a Consellería de Economía e Industria está a conectar o tecido empresarial galego co europeo, na procura de favorecer a mellora competitiva e a internacionalización das empresas galegas.
Mediante proxectos como AT-Clusters, Bioemprende, AT-Venture ou Galactea Plus, o IGAPE e as súas sociedades participadas, BIC Galicia e Xesgalicia, están a impulsar o desenvolvemento competitivo das empresas e clusters galegos no exterior. Proxecto AT-Clusters, Aprobado na convocatoria do programa europeo Espazo Atlántico de Cooperación Transnacional, está destinado a promover a cooperación entre os clusters que están asentados ou en proceso de creación no Espazo Atlántico e interconectalos para facilitar o seu desenvolvemento a nivel europeo e internacional. Liderada polo Igape, esta iniciativa busca axudar aos clusters a seren mais dinámicos e apoiar o intercambio de boas prácticas, ademais de explorar a posibilidade de construción de meta-clusters capaces de asentar lazos de cooperación entre ás empresas mais dinámicas das distintas rexións participantes. Está previsto que remate en 2011.
Xunto co Igape, participan como socios: a Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan), a South West Regional Authority de Cork (Irlanda), o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa), a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave (Portugal) e a sociedade Bretagne-Innovation, de Rennes (Francia).
Na reunión desenvolvida polos socios de AT Clusters en Santander, no pasado mes de xullo, constaouse a boa marcha do proxecto. Unha das decisións máis relevantes foi a referida á organización dunha Conferencia Transnacional en Santiago, en febreiro de 2010, coincidindo co Xacobeo.
Bioemprende Outro exemplo significativo de cooperación trasnacional está no proxecto Bioemprende, orientado a promover o emprendemento biotecnolóxico no espazo transfronteirizo de Galicia e Norte de Portugal. Este proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal está impulsado e dirixido pola sociedade do IGAPE BIC Galicia. Ten como finalidades as de promover vínculos entre todos os axentes implicados no sector biotecnolóxico, mellorar a capacidade emprendedora, identificar oportunidades de negocio e xerar sinerxias que favorezan a consolidación dun tecido empresarial biotecnolóxico na eurorrexión. Participan entidades como a Fundación Universidade de Vigo, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Bic Minho, e o Instituto Empresarial do Minho. O primeiro foro transfronteirizo de biotecnoloxía organizado neste marco de cooperación xuntou en Vigo, no pasado mes de xuño, a máis de 250 emprendedores e investigadores.
AT Venture
O Igape e Xesgalicia, a Sociedade Xestora de fondos de capital risco da Xunta, están tamén implicados actualmente no proxecto AT Venture, que ten como obxectivo principal facilitar o acceso das Pemes de cada Comunidade ou rexión europea participante ás sociedades de Capital Risco e aos programas de Emprendedores, así como atraer a novas empresas de Capital Risco que faciliten ás pemes o acceso a financiamento. Participan institucións e entidades de desenvolvemento de Portugal, España, Irlanda e Escocia. A cooperación, fundamental
No IGAPE estímase que a colaboración é o mellor instrumento para que as empresas galegas poidan sumarse a proxectos de innovación nun ámbito internacional e contando co apoio da Unión Europea. Por iso, o Instituto apoia tamén iniciativas como o Proxecto de cooperación para a innovación empresarial internacional, financiado polo Igape e dirixido tamén por BIC Galicia, que ten por obxecto propiciar que as 13 empresas participantes, todas elas PEMES galegas de carácter innovador, poidan unirse a consorcios internacionais para participar e beneficiarse de programas de cooperación tecnolóxica internacional, como o 7º Programa Marco de I+D da Unión Europea. Por outra banda, o Igape dispón de diferentes apoios á internacionalización a través da cooperación. Son liñas de apoio á colaboración internacional as destinadas a proxectos de cooperación para a internacionalización, para proxectos cuxa finalidade sexa a análise das posibilidades de cooperación de forma estable no eido internacional, e as destinadas a apoiar a prospección e primeira implantación comercial conxunta no estranxeiro (PLAN PRIMEX). Este tipo de apoio xurde coa finalidade de promover que as empresas galegas colaboren nun obxectivo común: acceder a novos mercados no exterior con ofertas complementarias. O Igape tamén concede axudas para organismos intermedios fomentando as accións de forma coordinada e conxunta en materias como a elaboración de estudos de mercado internacionais, a participación en eventos expositivos internacionais, as misións empresariais directas, inversas ou tecnolóxicas. Ademais de impulsar a dinamizar a Rede mundial de empresarios e profesionais de orixe galega, unha plataforma telemática para promover alianzas estratéxicas e colaboración entre empresarios de orixe galega asentados en calquera país do mundo, o Igape tamén está integrado no proxecto Galactea Plus (Enterprise Europe Network), o consorcio da Enterprise Europe Network para Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia. Esta rede promovida pola Unión Europea agrupa preto de 600 organizacións e 4.000 especialistas no fomento da competitividade empresarial ao longo de 40 países. |
|
| Última actualización ( 10/08/2009 ) |
