| Mañá comezan as xornadas de especialización dos Axentes de Emprego sobre o colectivo autónomo |
A Consellería de Economía e Industria impulsa a especialización dos Técnicos de Emprego e Axentes de Desenvolvemento Local para que estean en condicións de achegar un apoio máis eficiente aos autónomos de toda Galicia. Ese é o obxectivo do plan formativo que comezará a desenvolverse mañá. Deste xeito, a través da UPD Coordina Local que dirixe o Igape, a Consellería de Javier Guerra segue a traballar en prol da mellora continua dos servizos de atención, asesoramento e apoio ós emprendedores/as e empresarios/as de Galicia a través da Rede de Técnicos de Emprego e Axentes de Desenvolvemento Local espallados polo territorio.
Logo da grande acollida que tivo o Servizo de Apoio ao Autónomo, con máis de 5.000 consultas recibidas no primeiro trimestre de funcionamento, a Consellería de Economía e Industria, a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local (UPD Coordina Local), impulsa agora un Plan de Formación Especializada sobre Autónomos co obxectivo de incrementar as competencias profesionais do persoal técnico de promoción económica.
As xornadas desenvolveranse en dez localidades do territorio, dende mañá mércores día 25 de novembro e ata o vindeiro 14 de decembro.
Este plan formativo concrétase na celebración das "Xornadas técnicas de mellora de capacidades para a orientación ao traballador autónomo" que serán impartidas polo persoal da UPD Coordina Local e que se organizan en colaboración con BIC Galicia co obxectivo de afondar nos coñecementos da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia. As xornadas técnicas formativas impulsadas pola UPD Coordina Local desenvolveranse en cidades e vilas de toda Galicia, dende o 25 de novembro e ata o 14 de decembro, coa intención de dar cobertura a todo o territorio e de que poda participar o maior número de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Estas xornadas técnicas destinadas á mellora de capacidades para a orientación ó traballador autónomo perseguen desenvolver e incrementar as competencias profesionais do persoal técnico de promoción económica, que teñen como usuarios dos seus servizos a traballadores autónomos ou emprendedores que teñan intención de selo. Trátase de encontros formativos dinámicos nos que os técnicos poderán situar o seu papel como axentes de emprego e desenvolvemento local dentro do Servizo de Apoio ao Autónomo, vendo as utilidades que o Servizo ten para o seu traballo cotián con actuais e potenciais traballadores autónomos e recibindo orientación sobre cuestións xerais que preocupan ó colectivo de autónomos. Coa participación nas xornadas, os técnicos de promoción económica poderán especializarse nos aspectos xurídicos, contables, fiscais, laborais ou financeiros que afectan ao colectivo autónomo, de especial importancia no desenvolvemento económico de Galicia. Asemade, coñecerán outros recursos de información e capacitación para AEDLs relacionados coa súas tarefas de asesoramento e apoio a emprendedores/as.
Datas e lugares onde se celebran As xornadas técnicas de formación especializada desenvolveranse en 10 edicións, noutras tantas cidades e vilas de Galicia escollidas para poder atender a necesidade de formación de toda a rede de técnicos de emprego que están espallados polo territorio. Durante o mes de novembro as localidades que acollerán a celebración das xornadas serán: Vimianzo (día 25), Foz (día 26) e O Barco de Valdeorras (día 30). As seguintes edicións terán lugar ó longo de decembro en: Pontevedra (día 2), Ferrol (día 3), Lugo (día 4), Santiago de Compostela (día 10), A Coruña e Vigo (día 11) e Ourense (día 14). |
|
| Última actualización ( 24/11/2009 ) |

