O Igape leva os programas para financiamento das empresas á Feira dos Autónomos de Galicia
Directivos e técnicos do IGAPE informarán polo miúdo, nun acto público que se desenvolverá no auditorio de Expocoruña hoxe venres ás 13 horas, sobre as características dos programas re-Brote e re-Solve, habilitados pola Consellería de Economía e Industria para facilitar o financiamento do circulante que precisan as empresas e os autónomos.
 
Estes plans, xestionados polo Instituto que preside o conselleiro Javier Guerra, conforman unha das principais accións do Plan de Choque deseñado pola Xunta de Galicia para facer fronte á crise e prevese que permitan mobilizar 400 millóns de euros para facilitar o financiamento de circulante a autónomos, microempresas e empresas galegas.
 
O acto desenvolverase na XVI Feria de Muestras da Coruña FEMAGA 2009, organizada pola Federación de Autónomos de Galicia (FEMAGA), que se celebra dende hoxe e ata o vindeiro 8 de decembro no recinto de Expocoruña. Unha feira que acolle nesta edición un total de 7 salóns sectoriais, o que fará aumentar o número de expositores e profesionais que acudan á feira.
 
A XVI Feria de Muestras da Coruña FEMAGA 2009 aposta este ano por unha ampliación da súa oferta. Así, serán 7 os salóns que acollerá a Feira de Autónomos: a Feira do Mar da Coruña (FEMAR), o Salón Internacional do Turismo (SITAC), unha Feira Gastronómica, o Salóns das TIC's, un Outlet do Moble, un Outlet de Nadal e o Paseo da Artesanía. 
 
O IGAPE na Feira
Directivos e técnicos do Instituto Galego de Promoción Económica informarán en detalle sobre programas como o re-Solve e o re-Brote.
 
Conxuntamente, ambos plans conforman unha das iniciativas máis destacadas entre as impulsadas polo Goberno galego no ámbito das garantías públicas. Estes programas para facilitar o financiamento pola vía de compartir os riscos constitúen unha resposta real aos problemas concretos de financiamento que as empresas galegas sofren na actualidade.
 
Deste xeito, os autónomos, as microempresas e as empresas poderán acceder a financiamento para manter a súa actividade con normalidade e contribuir á progresiva recuperación do tecido empresarial galego. O ambicioso plan de garantías públicas impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do IGAPE estrutúrase ao redor dunha liña de avais, re-Brote, e outra de reavais, denominada re-Solve. A primeira facilitará o acceso de empresas de mediana ou grande dimensión a liñas de financiamento operativo adicional. A segunda liña, re-Solve, servirá para fomentar o acceso das microempresas e os autónomos ao circulante necesario para desenvolver a súa actividade con normalidade.
 
A miúdo, canto menor é a dimensión dunha empresa, maior é a dificultade que ten para acceder ao crédito que precisa para manterse en funcionamento. A liña denominada re-Solve facilitará o acceso ao circulante para os autónomos e as microempresas mediante pólizas de préstamo ou crédito novas. O prazo será de tres años e o importe estará comprendido entre un mínimo de 3.000 e un máximo de 40.000 euros. O que fai o IGAPE e achegar un reaval en garantía do 25% do risco asumido pola sociedade de garantía recíproca, que, pola súa banda,  cubrirá o 90% do risco dos préstamos concedidos polas entidades financeiras ao abeiro da liña.
 
A presentación de solicitudes acollidas aos programas re-Brote e re-Solve está aberta ata o próximo 30 de decembro.

O encontro informativo desenvolverase en colaboración coa Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA).
Última actualización ( 04/12/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design