| O seminario sobre produtos básicos do Igape para emprendedores chega á Costa da Morte |
|
A localidade de Vimianzo acolleu hoxe un novo seminario sobre produtos básicos Igape para emprendedores, que promoven o propio Insttituto Galego de Promoción Económica e a UPD Coordina Local. O obxectivo destes encontros, dos que xa van 8 e quedan tan só dous (na Mariña Lucense e Valdeorras) é familiarizar aos técnicos de emprego e desenvolvemento local sobre os recursos que a Consellería de Economía e Facenda pon a disposición de emprendedores e empresarios. Nesta xuntanza de Vimianzo participaron un total de 15 axentes e técnicos de desenvolvemento local. Santiago, 7 de outubro de 2008.- Técnicos do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Consellería de Economía e Facenda, reuníronse hoxe en Vimianzo con axentes de emprego de varios concellos e entidades da Costa da Morte, para mellorar e ampliar os seus coñecementos sobre as axudas para emprendedores e as liñas de financiamento dispoñibles para as empresas. O obxectivo destes encontros, que están a ter lugar en diferentes puntos de Galicia, é familiarizar aos axentes con estas ferramentas, para que fagan chegar esta información aos emprendedores e empresarios da súa zona de influencia, e manter ou mesmo incrementar así o dinamismo na actividade das pemes xa existentes e as de nova creación, unha iniciativa que se considera de especial interese tendo en conta a actual situación económica.
Nesta xuntanza participaron un total de 15 axentes que traballan en diversas entidades e concellos. Entre eles, os procedentes de Zas, Mazaricos, Carnota, Camariñas, Fisterra ou Baio, ademais dos dous que desenvolven a súa actividade no propio Concello de Vimianzo.
Organización
A planificación, programación e organización destas reunións corresponde á Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) Coordina Local, un grupo de traballo impulsado conxuntamente por IGAPE-BIC Galicia, da Consellería de Economía e Facenda, e a Consellería de Traballo. A tarefa fundamental desta UPD é difundir as ferramentas e servizos para apoiar a creación de empresas e a súa consolidación. Neste sentido, coordina e asesora aos axentes de emprego en relación con iniciativas como as actividades formativas de BIC Galicia, que buscan desde difundir a cultura da creación de empresas ata favorecer a maduración de ideas de negocio e a planificación e a xestión empresariais. |
|
| Última actualización ( 10/10/2008 ) |
