| Publicada a Lei que dá protección por cese de actividade aos traballadores autónomos |
![]() O Boletín Oficial do Estado do día 6 de agosto publicou a Lei 32/2010 do 5 de agosto, pola que se establece un sistema específico de protección por cese de actividade dos traballadores autónomos.
A Lei consta de 19 artigos, encadrados en catro capítulos, ademais de quince disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e sete finais.
O Capítulo I regula as normas xerais do sistema específico de protección por cese de actividade do traballador autónomo, delimitando o obxecto de protección e o ámbito subxectivo, que alcanza a todos os traballadores autónomos incluídos no Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos da Seguridade Social cubertos polas continxencias derivadas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, incluíndo aos traballadores por conta propia agrarios incluídos no ámbito do Sistema Especial de Traballadores Agrarios e os traballadores por conta propia do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar.
O Capítulo II refírese ao réxime e dinámica da protección por cese de actividade do traballador autónomo que supón determinar as regras de solicitude e nacemento do dereito á protección, que abrangue a duración da prestación económica, fixando unha escala equilibrada que responde ao principio de cotización-prestación sen que iso supoña unha carga substancial na cota social do traballador autónomo, e que establece a contía da devandita prestación económica. O Capítulo III aborda o réxime financeiro da prestación económica e a xestión do sistema de protección específico por cese de actividade do traballador autónomo. Neste sentido, optouse polas Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais como órgano xestor do referido sistema, por entender que esta opción é coherente co sistema mixto de cobertura e cotización establecida. Faise necesario destacar que a xestión da protección por cese de actividade do traballador autónomo será levada a cabo de forma separada da xestión das continxencias por accidente de traballo e enfermidade profesional e que, debido ao principio de sostenibilidade do sistema que preconiza a disposición adicional cuarta do Estatuto do Traballo Autónomo, o equilibrio financeiro deste sistema contributivo resulta fundamental para o devir de tal xestión, polo que a propia norma establece que o tipo de cotización aplicable para manter a devandita sostenibilidade financeira se fixará anualmente na correspondente Lei de Orzamentos Xerais do Estado, de acordo cos estudos actuariais que procedan. E finalmente, o Capítulo IV trata o réxime de obrigas, infraccións e sancións, así como a xurisdición competente. Esta Lei modifica o Texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na orde social, aprobado por Real Decreto Lexislativo 5/2000, de 4 de agosto. Esta norma entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no BOE.
|
|
| Última actualización ( 22/09/2010 ) |

