| Traballo abre unha liña de axudas para promover a Responsabilidade Social Empresarial das PEMES |
|
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura da convocatoria para que os interesados podan concorrer ás subvencións. O prazo para a súa solicitude será dun mes, ata o vindeiro 7 de setembro.
A Consellería de Traballo e Benestar quere, con esta orde de axudas, promover medidas que favorezan a estabilidade dos traballadores e traballadoras e mailo incremento de postos laborais indefinidos ou a redistribución da xornada.
Unha liña de axudas que conta cun orzamento inicial de 328.535 euros co obxectivo de promover a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre as pequenas e medianas empresas de Galicia.
O DOG publica hoxe a convocatoria desta nova liña de axudas para que os interesados poidan concorrer a estas subvencións, que teñen como principal obxectivo a incorporación de plans e medidas que promovan a estabilidade no emprego e a reinserción laboral ao longo deste ano.
A Responsabilidade Social Empresarial (RSE) é un concepto no que as empresas deciden integrar, de xeito voluntario, as súas preocupacións sociais e medioambientais.
Conceptos subvencionables
Así, a implantación nas firmas de sistemas ou medidas que favorezan a estabilidade dos empregados e empregadas tales como o incremento de postos de traballo de carácter indefinido ou a redistribución da xornada serán subvencionadas polo departamento autonómico. Ademais, poderán ser obxecto desta liña de axudas a organización ou participación das traballadores e traballadoras e do persoal directivo en congresos, seminarios, cursos ou similares enfocados ao eido da Responsabilidade Social Empresarial e os gastos derivados da edición de folletos, enquisas, boletíns, publicacións ou calquera outra actividade promocional que fomente a RSE de xeito interno ou externo. Tamén poderán optar a estas subvencións as empresas que acrediten gastos derivados da contratación de persoal cualificado, asesoramento ou consultoría para a elaboración de plans sociais e de recolocación, que contemplen medidas que a empresa pode adoptar para evitar ou reducir os efectos negativos das posibles necesidades de axustes de persoal, como podan ser a integración dos traballadores e traballadoras noutros postos laborais.
En definitiva, a finalidade desta liña de axudas é ir máis aló da lexislación do ámbito laboral para incentivar ás empresas a introducir a Responsabilidade Social Empresarial na formación e nas relacións entre a dirección e os traballadores. |
|
| Última actualización ( 06/08/2009 ) |

